jueves, 6 de febrero de 2014

O Gruvi reciclará ordenadores para 24 entidades sen ánimo de lucro (noticia en galego)

Noticia orixinal de B. Vega | Vigo. (corrección das erratas por Daniel)

Recuperar e restaurar o equipamento informático en desuso e dotalo de software libre para darlle unha segunda vida útil en mans dunha entidade sen ánimo de lucro é o porqué da existencia do Grupo de Reciclaxe Informático da Universidade de Vigo. Coma se dun Robin Hood tecnolóxico se tratase, este grupo de voluntarios reciclará nos próximos meses os equipos destinados ás 24 asociacións sen ánimo de lucro que foron seleccionadas este ano nunha convocatoria que lles dará a oportunidade de informatizarse e potenciar a súa actividade.




A selección dos destinatarios finais fíxose entre as máis de 60 solicitudes recibidas e, para realizala, se tiveron en conta unha serie de factores, entre os que Daniel Díaz voluntario do Gruvi destaca os de "non ter ánimo de lucro, centrar a súa actividade nas provincias de Ourense ou Pontevedra, o seu modo de financiamento, a actividade que desenvolven e a finalidade do equipamento que solicitaban ".

Unha vez resolta a adxudicación comeza o traballo do grupo de reciclaxe. “Nestes momentos estamos a recibir as especificacións e requisitos no equipamento das diferentes entidades para personalizalo e adecualo ao uso que van ter” sinala Abraham Jorge, outro dos voluntarios. “Por exemplo, se o equipamento vai ser utilizado por rapaces, persoas maiores ou discapacitados instalamos o software especial PicarOS, moito máis intuitivo que o básico (MiniNO), mentres que se vai ter finalidade administrativa ou contable, incluímos programas específicos para este fin” explica Daniel, “tamén, dependendo da solicitude das entidades e da dispoñibilidade de material que teñamos xa que se lles pode adxudicar máis dun equipo completo, aínda que o normal é entregar entre un ou dous” engade.

O proceso de traballo comeza cando a Oficina de Medio Ambiente avisa aos membros do Gruvi de onde está o material obsoleto ou en desuso, entón eles achéganse a revisar cal pode ser recuperable e cal non e, unha vez seleccionado, lévano a o taller o que se poida reciclar. “A verdade é que hai moito material, neste momento non temos máis espazo ata que entreguemos as adxudicacións, o taller estase a quedar pequeno” subliña Daniel, puntualizando que “normalmente manexamos unicamente material da Universidade de Vigo, aínda que en ocasións tivemos que facer solicitudes públicas dalgún compoñente concreto do que andabamos escasos”.

Diversidade de finalidades para os equipos A resolución dos adxudicatarios foi publicada a través da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, coordinadora da iniciativa, e inclúe asociacións de todo tipo, fin e actividade. Dende as culturais Trépia, O Fiadeiro, Traspés, Rabalexa, A Bela Auria, Percutas Omar, Fuscalho, Tesela, Arenas de Alcabre e Niña Caracol, pasando polas de acción social Abriendo Caminos, Ponte Solidario, Acción Solidaria de Galicia, A las 5 Acción Social de Emerxencia, Da man e Solidariedade galega co pobo saharaui; agrupacións de atención á enfermidade ou á discapacidade como Disvalía, Fundación Integra, Asociación Gallega contra las enfermedades neuromusculares, Aixiña Ourense e Down Vigo, e as asociacións de mulleres Algueirada e a Federación de Asociacións de Mulleres Anaral e a ecolóxica Amigos da Terra.




A entrega dos equipamentos realizarase cando todo o material estea recuperado e preparado para entregar. “Unha vez que o traballo aquí remate e os equipos estean listos para entregar, dende a Vicerreitoría de Extensión Universitaria avisarán ás entidades para que se acheguen a recollelo nunha data determinada, a mesma para todos” apunta Daniel Díaz, voluntario do Gruvi, que destaca que “ese mesmo día, un integrante de GALPon, impartiralles unha pequena formación sobre o funcionamento do sofware libre que os equipos levan instalado para o seu mellor aproveitamento”.

Un voluntariado solidario e concienciado co medio ambiente O Grupo de Reciclaxe Informático da Universidade de Vigo xorde no ano 2005 como un proxecto de voluntariado da institución académica. Dende ese momento un grupo de estudantes dedican o seu tempo a reparar e recuperar equipos informáticos que foran declarados obsoletos, inservibles, avariados ou en desuso, e dándolles unha segunda vida útil en entidades sen ánimo de lucro das provincias de Pontevedra e Ourense. O proxecto céntrase, entón, en recuperar os equipos, poñelos a punto e dotalos de software libre para entregarllos posteriormente a estas agrupacións, diminuíndo así a fenda dixital que poderían sufrir neste momento de vórtice tecnolóxico na sociedade.

Esta iniciativa, coordinada pola Oficina de Servizos Integrados á Xuventude e dependente da Vicerreitoría de Extensión Universitaria, traballa moi estreitamente coa Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade de Vigo e coa asociación GALPon (Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra).

No hay comentarios:

Publicar un comentario